xoves, 30 de abril de 2020

ESTIRAMENTOS NA CASA!



Unha compañeira de 1º de ESO deixounos testemuña do seu traballo de estiramentos, que está moi ben feito.

Realizando estes exercicios alomenos tres veces á semana melloraredes a vosa flexibilidade, a vosa postura corporal e tamén vos atoparedes máis relaxados.

Deixovos aquí as imaxes para que vos animedes a practicar e gardar o voso traballo. Adiante!



venres, 24 de abril de 2020

PARABÉNS!

O vindeiro luns poderedes saír durante unha hora á rúa!
Sempre teredes que facelo acompañados e nun radio dun kilómetro arredor do voso domicilio. 
Para comprobar o voso radio de acción, buscade o voso enderezo non google maps.
Trazade un radio dun kilómetro arredor: esa é a vosa zona de acción!
Listos para facer actividades físicas ao aire libre? 
Estade atentos ao blogue e tede un balón a man (se bota, mellor). 

PORQUE TI IMPORTAS!

Sodes quen de ler todas as mensaxes que aparecen neste vídeo de 10 segundos?


E de facer o equilibrio invertido cunha man? 
El truco del almendruco: manter os cóbados extendidos e poñer -antes de levantar o brazo- todo o peso do corpo sobre o outro ombreiro (lembrade tamén a importancia da solidaridade pelve-tronco).

Cal credes que é a mensaxe máis importante do vídeo? 

Para o alumnado de 2º de ESO:
Despois de desenvolver a UD de Habilidades Ximnásticas básicas seríades quen de compoñer un pequeno exercicio con volteretas, equilibrios sobre un pé, equilibrios invertidos, saltos e piruetas? Estou segura de que todos vós podedes facer un pequeno exercicio composto de varias habilidades (se tedes dúbidas, visitade a entrada sobre habilidades ximnásticas básicas que vos subín en marzo).
Se ademais podedes xuntalo con outros de compañeiros e poñerlle son de fondo... Dobre bonificación! Imos a por ese 10?

xoves, 23 de abril de 2020

RECETARIO DO CONCURSO DE FROITAS

LET'S TWIST AGAIN, VALLE!

Aquí vos deixo un vídeo coas coreografías realizadas polo alumnado e as súas familias. O tema musical é de Chuby Checker e titúlase "Let's twist again", así que o vídeo titúlase Valle Family Twist Again.
Sodes quen de montar un vídeo similar con varios compañeiros? Quen se anima? Pode ser coa música que escollades e a coreografía que prefirades. 
Se pulsades no enlace veredes o vídeo que vos pode servir de exemplo
Ánimo e adiante a toda!

mércores, 22 de abril de 2020

CONCURSO DE BOCATAS (para 2º de ESO e Bacharelato)

Ola rapaces e rapazas,
Entrade no blogue https://vallehealthyfood.blogspot.com/ e buscade as actividades para 2º de ESO, concretamente a que fala do proxecto "Ponlle as Pilas ao teu Bocata".
Lede a información, facede as actividades e preparade as vosas propostas para o concurso de bocatas. O prazo modificouse: podedes enviar as vosas propostas de bocatas ata o 30 de abril.
Facede canto antes as vosas propostas, presentádeas nunha ÚNICA diapositiva de powerpoint ou un programa similar: no lado esquerdo da diapositiva hai que poñer os ingredientes e a elaboración. No lado dereito unha foto do bocata que fixechedes nas que saia unha foto do voso corpo para saber que o fixechedes vos. Despois, enviádeo a merce.iespf@gmail.com
Ánimo, que haberá premio para os tres primeiros clasificados e entre tod@s faremos un recetario para publicalo no blogue.
Saúdos agarimosos e unha aperta a tod@s 

venres, 17 de abril de 2020

CONCURSO DE RECEITAS DE PRODUTOS MARIÑOS (para 1º de ESO)

Ola rapaces!
Xa estou de novo aquí.

Despois do éxito do concurso de receitas con froita a profe de galego Rocío está a corrixir uns pequenos erros para que poidamos editar unha revista virtual coas vosas receitas. Pronto estará lista para que poidades consultalas no blogue vallehealthyfood e probar as que propuxeron os vosos compañeiros e compañeiras. Ai, que nervios!

Agora empezamos un concurso de receitas con outros produtos que son moi saudables e cuxo consumo frecuente recomendan a OMS e outros organismos internacionais, estatais e autonómicos: o peixe e o marisco.
Entrade en https://vallehealthyfood.blogspot.com/2020/04/o-sabor-da-aventura-esta-no-mar-1-de-eso.html, lede os distintos apartados e facede as actividades, entre as que tamén hai unha proposta de receitas con produtos mariños. 

Agora xa estaredes listos para presentar a vosa proposta. Tedes ata o 30 de abril para elaborar, fotografiar (lembrade, sempre con unha parte do voso corpo na foto) e enviar a vosa receita ao e-mail merce.iespf@gmail.com
Lembrade que vosa preparación debe de ser atractiva, sostible (con peixe de tempada e, mellor se é barato) e ademáis saudable (se inclúe verduras, produtos da horta ou legumes, mellor).

Os criterios de puntuación das receitas serán:
Ata 2,5 puntos pola orixinalidade e sostibilidade
Ata 2,5 puntos pola dificultade de elaboración
Ata 2,5 puntos pola presentación do plato
Ata 2,5 puntos pola presentación do traballo e a corrección lingüística.

Ánimo, saúde e océano para tod@s!

xoves, 16 de abril de 2020

UNIDADE DIDÁCTICA DE HIXIENE POSTURAL (2º de ESO e Bacharelato)


Neste enlace deixovos unha presentación do profesor Miguel Arcos, que vos acompañou nas últimas clases como lembrades. Nela explícanos o que son a hixiene postural e a ergonomía, a súa importancia e como podemos mellorar os nosos hábitos para realizar as tarefas dacotío de xeito máis saudable. 
Prestade atención aos vídeos que ilustran as distintas diapositivas. Están numerados para que poidades identificalos máis doadamente.
Despois de ver a presentación, tratade de facer as tarefas que vos propón. Para algunhas teredes que investigar en internet, pero valerá a pena porque aprenderedes cousas importantes para atoparvos mellor! 
Lembrade que as tarefas que realicedes debedes de gardalas na vosa carpeta-portafolio e telas listas para cando volas pida. 
Ánimo e adiante a toda! Se tedes dúbidas, xa sabedes o meu mail 
(merce.iespf@gmail.com). 

HIXIENE POSTURAL E ERGONOMIA


martes, 14 de abril de 2020

ALUMNADO DE BACHARELATO

Estimado alumnado do bacharelato nocturno,
Aquí vos deixo o enlace a un blogue que creei hai algún tempo e no que poderedes resolver dúbidas sobre ósos, articulacións, músculos, cálculo do gasto calórico, etc.
Mergullade un pouco no blogue e buscade un aspecto que vos poida interesar. Despois de ler a presentación correspondente, podedes remitirme as vosas dúbidas ao mail.

http://anatomofloriani.blogspot.com/

O día 15 recibiremos instruccións da Consellería de Educación e iniciaremos os traballos correspondentes á terceira avaliación... deportes colectivos (voleibol). Asegurádevos de ter un balón a man e ide mirando o blogue a partir do 16.
Por certo, a imaxe, é un cadro? É unha foto? Que son os protagonistas? Como cres que se titula? Como a titularías? Podedes enviarme as respostas ao whatsapp!
Estou desexando estar con vós de novo.
Unha aperta, moitos folgos!

Mercé

RESULTADOS DO CONCURSO DE RECEITAS DE FROITA

Estimado alumnado. O xurado do concurso de receitas acaba de remitir o seu veredito. 
En videiros días publicaremos unha revista dixital que recolle todas as receitas recibidas no blogue http://vallehealthyfood.blogspot.com/ para compartilas e que toda a comunidade educativa poida facelas e desfrutalas. 
Todas as receitas resultaron gorenteiras, pero había que escoller e as gañadoras son as seguintes:

    1. Sopa fría de sandía con lambetadas de melón, por Paula Fariña.
    2. Pavo real de froitas, por María Fernández
    3. Cubo Rubik de froitas con xeado de limón, por María Lorenzo
    4. Animalada de froitas, por Hugo Sánchez
    5. Falsa torta de froitas, por Mencía Rioboo
    6. Torta de avea, por Águeda Silva
    7. Volováns de froita, por Candela García
    8. Mousse de manga, por María Pardo
    9. Sorbete de froita variada, por Carla Rosales
    10. Torta fría de mazá, por Rodrigo Heredia
  1. Accesit á calidade da lingua empregada na receita: Torta de Iogur con froitas, por Rosalía Justo e Mousse de Manga

Grazas a todos/as os/as participantes e ás familias polo seu asesoramento e apoio. 
Unha aperta grande!

FÁBULA: ESCOLA DE ANIMAIS (para todos/as os/a que queiran ler e pensar)



Nos tempos de MaríaCastaña-19, houbo uns animais que se reuniron e decidiron que tiñan que formarse para resolver os problemas dun “Mundo Novo”. A primeira decisión foi organizar unha escola. Os máis afoutados e decididos acordaron un plan de actividades. As materias escollidas foron as seguintes: correr, trepar, nadar e voar (habilidades motrices básicas no mundo animal). Para que fora máis sinxelo organizar o plan de estudios, acordouse que todos os animais estudaran todas as materias.

O pato era excelente nadando. De feito era mellor que o seu profesor, pero so obtivo cualificacións medianas voando e era moi torpe correndo. Como era tan lento correndo, tiña que quedar á saída do colexio para practicar a carreira e, así, tivo que deixar de nadar. Correu e correu ata que as membranas dos seus pés se desgastaron e, dese xeito, volveuse mediocre tamén nadando. Pero as cualificacións baixas eran normais na escola e ninguén se preocupou moito... salvo o pato.

O coello empezou sendo o mellor de todos na carreira, pero tivo unha crise nerviosa de  tanto traballar para intentar nadar, así que as súas cualificacións foron moi baixas, o que non preocupou a case ninguén... excepto aos pais do coello!

O esquío era magnífico trepando, pero tivo moitos problemas nas clases de voo, porque o profesorado insistía en que saíra voando desde o chan, a pesar de que el quería facelo desde o alto das árbores. Acabou tendo unhas terribles cambras e obtendo notas moi baixas tamén na carreira e na trepa.

A aguia era moi problemática e tivo que aplicárselle unha disciplina moi severa. Na clase de trepa chegaba antes que ninguén ás copas das árbores, pero insistía en facelo á súa maneira, e iso non era aceptable na escola. Ao final do curso converteuse nunha aguia anormal que sabía nadar moi ben e tamén correr e saltar, pero voar, pouco.

A toupas negáronse a ir á escola porque a administración non incluira furar e cavar  no plan de estudios. Xuntáronse cos ratos e crearon unha escola privada de gran éxito para o seu colectivo. Alí so facían o que xa se lles daba ben, e así obtiñan altas cualificacións.
Dr. George Reavis.
Fitness Ontario Leadership Program

Que cres que trata de explicar esta historia? Que relación garda coas clases de Educación Física?  Veste capaz de propor unha alternativa que mellore a situación na escola de animais?



luns, 13 de abril de 2020

RESUCITACIÓN CARDIOPULMONAR (RCP) para 2º de ESO

Non me enviedes os exames! So son para que vos autoavaliedes e saibades que podedes actuar correctamente en caso de emerxencia.
É importante porque cando sucede algo así, non da tempo a recordar nin a pensar. Hai que actuar rápido e ben desde o principio. 
Por iso, repetide tantas veces como precisedes o test ata saber que O FACEDES TODO BEN!


Premede no enlace para visionar a presentación sobre Resucitación Cardiopulmonar. Lede cada diapositiva e anotade as dúbidas que teñades para consultar de novo a presentacion.
Non esquezades que tedes que ler a presentación antes de contestar ao exame. Gardádeo na vosa carpeta portafolio!

RCP 
 
EXAME TEÓRICO DE EDUCACIÓN FÍSICA
Despois de copiar o texto nun arquivo de procesador de texto (Word ou similar), nas preguntas de resposta corta, enche TODOS os espazos. Nalgunhass preguntas tipo test pode haber máis dunha resposta acertada. Nas preguntas tipo test, le detidamente todas as respostas antes de rodear cun círculo a letra/s das que consideres correctas. Garda o teu exame e anota as dúbidas antes de volver ver os vídeos e presentacións.

Nome e apelidos: __________________________________________________________
Curso e grupo: ___________ Data: ____ de abril de 2020


  1. Cal é o significado das siglas “PAS” en primeiros auxilios?
    1. ____________________, _____________________ e ____________________
  2. Cales destas actitudes son incorrectas en caso dunha PARADA CARDIORRESPIRATORIA cando hai que aplicar as manobras de RESUCITACIÓN CARDIORESPIRATORIA?
    1. Non facer nada. Por que?
    2. Iniciar as manobras de reanimación sempre no mesmo lugar en que se produciu o accidente.
    3. Parar as manobras de resucitación crendo que estamos equivocados nalgún paso.
    4. Empezar a reanimar sen chamar a emerxencias.
  3. En caso de que a vítima estea INCONSCIENTE e despois de comprobar que NON RESPIRA, como actuaremos?
    1. Manobra inicial: ____________________________________________________________________
    2. Continuación: ____________________________________________________________________
    3. c. Posición da cabeza/pescozo: ____________________________________________________________________
  4. Cal é o mellor ritmo para realizar compresións torácicas? So é certa unha resposta.
    1. Unha compresión por segundo: 60 compresións por minuto.
    2. 160 compresións por minuto.
    3. De 100 a 120 compresións por minuto.
    4. Ningunha das anteriores é correcta.
  5. Canto tempo é recomendable realizar compresións torácicas no caso dunha RCP? So é certa unha resposta.
    1. Durante, alomenos, 15 minutos ainda que o suxeito se recupere.
    2. Durante unha hora.
    3. Durante 5 minutos. A partir de aí os danos son irreversibles.
    4. Ata que chegue persoal de emerxencias, o suxeito se recupere ou non poidamos máis.

domingo, 12 de abril de 2020

SOPORTE VITAL BASICO: A REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR para 2º de ESO

Nesta entrada repasar o protocolo de actuación ante unha urxencia vital. Tamén poderás visionar algúns dos vídeos nos que se fan recomendacións para actuar ante unha incidencia tan grave.
Lembra que a túa obriga é actuar: protexer, avisar e socorrer. 
Se chamas ao 112 ou ao 061 atoparás a alguén ao outro lado da liña que te dará indicacións precisas e moi valiosas. Se actuas con tranquilidade e segues as indicacións, podes salvar unha vida.

Preme neste enlace para repasar:
Reanimación cardiopulmonar básica

No seguinte enlace podes repasar o protocolo para os plans A, B e C:
Protocolo de Soporte Vital Básico 2015

Neste vídeo da Universidade de Vigo podes seguir paso a paso as actuacións do confuso "Coruño" ante unha urxencia vital. No seguinte video amósase o funcionamento dun DESA ou desfibrilador automático. Xa ves que é sinxelo e podes salvar unha vida. Non te poñas tan nervoso coma el!

venres, 10 de abril de 2020

PRODUTOS MARIÑOS, COMIDAS SAUDABLES

Ola rapaces,
Entrade no blogue https://vallehealthyfood.blogspot.com/ e buscade as actividades para 1º de ESO e para 2º de ESO.
Lede a información que hai nos enlaces, facede as actividades e preparade as vosas participacións nos concursos de bocatas (xa está activo) e de receitas con produtos mariños (abrirase proximamente). 


Ánimo e a desfrutar dos produtos do mar!

EXERCICIOS DE FLEXIBILIDADE para 1º de ESO

Ola rapaces e rapazas!
Chegou o momento de estirarse!
Na imaxe que tes a continuación podes ver varios exercicios de estiramento para mellorar a vosa flexibilidade.
Lembrade que cada posición debe de manterse entre 10 e 30 segundos e cada exercicio repetirse unhas dúas ou tres veces alomenos se queredes mellorar.
Podedes facer unha planilla coas vosas fotos practicándoos? A vosa flexibilidade mellorará e a vosa postura corporal beneficiarase!
Seríades quen de dicir qué músculos se estiran en cada un dos exercicios? Ánimo e adiante!


venres, 3 de abril de 2020

CONCURSO DE RECEITAS CON FROITAS

Rematado o prazo para a entrega de receitas. Moitas grazas a todos e todas! Para a semana seguiremos propondo algunhas actividades, así que, estade alerta! Unha aperta e moitos folgos!

Meu benquerido alumnado,
Deixovos aquí unha nova actividade para promover que consumades mái froita, que vos divirtades nestas estranas vacacións de Semana Santa e, tamén, que compartades as vosas ideas co resto do alumnado.
O concurso comeza agora mesmo e remata o vindeiro venres 10 de abril ás 14.00 horas. Lembrade os prazos.
BASES DO CONCURSO:
1.- Cada alumno/a poderá presentar unha única receita elaborada con froita fresca.
2.- A receita presentarase nunha única diapositiva tipo presentación (powerpoint ou software similar).
3.- Na diapositiva aparecerán nunha parte os ingredientes e o método de preparación (en galego, por favor, que xa sabedes que é a lingua desta materia) e noutra unha foto real da vosa receita.
4.- Para asegurar que a imaxe é real e non tomada de google teredes que aparecer, aínda que sexa parcialmente, na imaxe (poden aparecer as vosas mans, tronco, etc. Non fai falla que aparezades enteiros se non queredes).
5.- Na semana seguinte publicarase no blogue "valleinclan healthy food project" unha presentación coas mellores receitas para que poidades compartilas e preparar outras delicias aportadas polos/as vosos/as compañeiros/as.
6.- As tres receitas máis votadas polo xurado (formado por profesorado do Plan Proxecta Aliméntate Ben") recibirán un agasallo á volta deste período.

ÁNIMO! Aproveito para deixarvos un exemplo:



mércores, 1 de abril de 2020

PROBLEMAS COS MALABARES?

Ola rapaces!
Que xa construíchedes as vosas bolas de malabares pero aínda non as tedes dominadas e non vos saen as habilidades?
Aquí vos deixo un vídeo titorial cunhas tarefas progresivas para que vaiades avanzando.

Lembrade, nas habilidades coordinativas é importante repetir, corrixir e repetir ata que o cerebro grave unha pouta química que permita que se automaticen os movementos.

Non vos rindades á primeiras de cambio!


III CONCURSO DE COMBA POR PARELLAS MIXTAS

  Se queredes participar neste III Concurso de Comba por Relevos, cumprimentade o cuestionario que aparece abaixo e vide ao patio no recreo ...